Formación » Abertal formará á hostalaría en alimentación SEN GLUTE

[03/03/2015]  Abertal formará á hostalaría en alimentación SEN GLUTE

Abertal Sociedade Cooperativa Galega, sita na capital dezá, e a Asociación de Celíacos de Galicia asinaron un convenio de colaboración para formar e informar a establecementos hostaleiros sobre alimentación sen glute.

O convenio, que foi asinado pola presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia María Teresa García e Luis Manuel Galego García de Abertal, suporá a posta en marcha dun amplo proceso formativo para establecementos adicados á hostalaría e a restauración que estén na actualidade traballando con alimentos sen glute ou estén interesados en facelo nun futuro.

Lembremos que o pasado 13 de decembro entrou en vigor o novo Regulamento UE 1169/2011 sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor polo que, dende esa data, os establecementos de hostalaría e restauración e as empresas elaboradoras de alimentos teñen que informar a súa clientela daqueles alérxenos que estén presentes nas súas elaboracións. A Asociación de Celíacos de Galicia era quen formaba e informaba aos establecementos sobre alimentación sen glute pero o colectivo decidiu, segundo apuntou o inxeñeiro técnico agrícola de Abertal Luis Manuel Galego García, externalizar o servizo. «Nos encargaremos pois de impartir a formación e a información aos establecementos de hostalaría e de restauración que o soliciten. Aqueles que posúan o selo de alimentación sen glute poderán renovalo e, os que non o teñan, poderán adquirilo». A empresa, que está constituida por técnicos agrícolas, inxeñeiro de montes e licenciados en empresariais, pretende tamén levar a cabo auditorías naqueles establecementos nos que existan sospeita de mala praxe. «Neses casos faremos mostraxes en superficie para comprobar que se fan ben as cousas».

Abertal Sociedade Cooperativa Galega está actualmente elaborando unha páxina web (www.senglute.es) na que se están volcando todos os restaurantes da comunidade autónoma que contan con selo acreditativo de menús aptos para celíacos. «Pensamos que será unha información de moita utilidade para as persoas celíacas xa que poderán consultar cales son establecementos de hostalaría con menús aptos para eles. Queremos que sexa unha páxina moi completa onde se incluán os restaurantes das catro provincias galegas». Unha información de servizo que veñen solicitando os propios celíacos, e que en reiteradas ocasións solicitaron poder acceder a ese tipo de datos.


« volver